martes, 30 de agosto de 2011

Artículo no Xornal de Galicia

Entrimo, o Amazonas de Galicia

Din que o mundo ten, ou tiña, o seu pulmón verde na selva do Amazonas. En Galicia temos a Entrimo. Os montes do municipio ourensá absorben anualmente, xunto aos outros catro concellos da comarca da Baixa Limia e Calvos de Randín, emisións de carbono equivalentes a 87.200 vehículos a motor. Esta cifra supón a metade do parque móbil da provincia de Ourense, fixado en 175.000 vehículos en 2009. Así o reflicte un estudo que avalía a capacidade ambiental dos bosques da zona, promovido polo Concello de Entrimo dentro do programa Emplea Verde da Fundación Biodiversidad. Esta entidade, que xestiona o Fondo Social Europeo, concedeulle ao concello ourensán unha subvención de 205.000 euros para desenvolver esta iniciativa, que pretende crear emprego e mellorar o medio ambiente en Galicia.
Entrimo foi o único municipio do Estado que se sumou a este proxecto europeo, que comezou en outubro do 2009 e rematará o próximo mes de maio. “Fixemos diversos cursos na Baixa Limia nos que participaron 1.800 persoas, sobre todo autónomos, hostaleiros e xente relacionada co sector forestal. O obxectivo era impulsar o turismo na zona e crear postos de traballo”, indica a directora técnica do programa, Sandra Martínez. De feito, nos próximos meses inaugurarase un centro na fronteira con Portugal para “realizar transaccións de madeira de forma respectuosa co medio”, indica.
Segundo Martínez, unha das características deste “pulmón verde” é que “a propiedade do monte non está tan fragmentada na bisbarra como noutros lugares de Galicia, co que existe un maior número de montes públicos”, o que “facilita a xestión conxunta”. Ao seu xuízo, na inclusión de Entrimo no programa europeo influíu a recente declaración pola Unesco como reserva da biosfera do parque Gerês-Xurés, entre o nordés de Portugal e o suroeste da provincia de Ourense.

Mais información en:

http://www.xornal.com/artigo/2011/04/22/galicia/entrimo-amazonas-galicia/2011042200061000210.html

No hay comentarios:

Publicar un comentario

¡Moitas gracias por comentar!