miércoles, 18 de enero de 2012

O Carballo e a Sobreira

Carballo grande na Feira Vella
O primeiro “¿onde é?” que colguei foi a foto dun carballo que hai no cruce da Feira Vella á beira da carretera que vai para Ourense.
Pensei que sería difícil de adiviñar pero un entrimeño residente en Brasil, Marcial, deseguida acertou. E despois outra persoa díxonos que ese carballo era coñecido como “O carballo grande”.
Parece ser que os carballos chaman a nosa atención. Non é de extrañar pois debe ser a árbore máis querida en Galicia.
Carballo da Sobreira
 en Ferreiros




En Ferreiros temos o Carballo da Sobreira. Estou segura que moita xente da aldea se preguntásemos cal é o elemento máis representativo de Ferreiros contestaría “O carballo da Sobreira”. Á súa sombra sentáronse xeracións, e presidiu centos de festas.
Mirade se é importante a Sobreira que dá nome ao sitio onde están situados as tres cousas máis importantes do lugar.  A capela, coñecida como “a capilla da Virxe da Sobreira” o  cruceiro que é “o cruceiro da Sobreira” e o carballo chamado “o carballo da Sobreira”. Os tres xuntos forman un conxunto espectacular.


A Sobreira en Ferreiros
¿Sabedes o que é unha sobreira?, eu non tiña nin idea ata que investiguei un pouco en internet. Resulta que unha sobreira é unha especie de carballo (Quercus suber L.), tamén coñecida por corticeira (en castellano alcornoque).
O carballo (Quercus sp.) é do xénero de árbores caducifolios moi robustos. En Galicia atopamos diferentes especies dentro do xénero Quercus. Destas a máis importante é o carballo común (Quercus robur L.), e a sobreira é outra especie dentro do xénero Quercus.
A Sobreira en Ferreiros
Así que parece que dicir “O carballo da sobreira” sería como dicir en castelán “el roble del alcornoque”.
E ¿sabedes que o carballo pode chegar ata os 1000 anos e pode pasar dos 40 metros de altura? ¡Realmente é unha árbore espectacular!
Pódese atopar por tódolos lugares, tanto en chairas como en ladeiras rochosas, ainda que prefire os terreos frescos sen grandes secas e por debaixo dos 1000 metros de altitude.
O seu tronco é dereito, ten a cortiza grisácea e as follas caedizas. O froito, moi apreciado como alimento para os porcos, chámase landra e mide entre 1 e 2 centímetros. 
O carballo florece en abril e maio e da o froito en outono.
É unha especie en regresión debido á  influencia humán, xa que foi e inda é substituida polo piñeiro e o eucalipto de máis rápido crecemento.
O conxunto de carballos en Galicia chámase carballeira, tamén carballal ou touza.
As carballeiras situadas a máis de 700 metros de altura, ademais de carballos, presentan exemplares de castiñeiros e bidueiras, xunto a fentos e silvas, mentres que nas carballeiras situadas a menos de 700 metros os carballos preséntanse acompañados por exemplares de acivro, pereira, érbedos, torviscos, loureiro...
Esto é todo por hoxe. Acabo o artigo desexando que poidamos ver en pé durante moitos anos máis o noso querido Carballo da Sobreira.

"Miña Virxe da Subreira
é amiga da goteira;
póñenlle o carballo á porta,
heille plantala videira."
(Do Cantigueiro popular da Baixa Limia,
de Xoaquin Lorenzo)

2 comentarios:

  1. Este e un lugar con moita maxia.....unha magoa que quede xusto ao lado da estrada e unha magoa que non este mellor coidado...........persoalmente non me gustan alguns dos cambios ou "arreglos" que lle fixeron ultimamente........en particular as louxas brancas que lle puxeron ao carballo no pe. E magoa tamen que ten unhos cables e un poste da luz que estragan un pouco a vista.

    ResponderEliminar
  2. ¡Hola Leopin1
    coincido contigo en que os "arreglos" non son moi afortunados, o meu parecer as lousas arredor do carballo son un pegote, pero xa se sabe, nunca chove a gusto de todos...
    En canto á estrada depende como o mires. Aínda que lle quita un pouco de paz o sitio tamén o fai máis accesible e pode ser máis visto.
    No poste da luz e o cable estou totalmente de acordo contigo.¡Qué rabia da cando queres facer unha foto e te encontras con ese estorbo no medio!

    ResponderEliminar

¡Moitas gracias por comentar!